Entorno
PATRIMONIO NATURAL
foto
Illa de Sernande
A vexetación é o fiel reflexo da Galicia interior: fentos, toxos, xestas,castiñeiros carballos forman o bosque... Os eidos deleitan ós visitantes coas súas colleitas: patacas, millo, pastos para o gando... As árbores bríndannos exquisitos froitos. Nas hortas cultívanse as verduras que apadriñan un bo caldo.
É a Casa das Xacias unha nena mimada polo entorno natural. Arrólana a Serra do Faro e o Río Miño. Dun lado do berce cántalle un val de verdes pradeiras, do outro aloumíñana frondosas carballeiras con fauna autóctona: esquíos, raposos, paxaros chiando en completa harmonía, centenarios soutos e ribeiras enmuradas coas típicas adegas.
O aire que se respira non sabe o que é a contaminación. Unha vez alí, comprenderá por qué os olores se confunden coa infancia e as vistas ao río lembran aos grandes Canóns.
É, en definitiva, unha paisaxe que non se pode describir. Ten de ser vivida e sentida.
FOTO
Penedo do Graullo
Xa na comarca de Chantada, a escasos quilómetros da casa das Xacias podemos visitar o Penedo do Graullo. Semella prolongarnos ata o ceo ou botársenos enriba cando alcanzamos coa vista o seu cume. Tamén é sorprendente a Peneda de Erosa, curiosa formación xeolóxica que parece desafiar á lei da grávidade e que deu pé a un sinfín de lendas.
No medio do río saúdanos a Illa de Sernande repleta de vexetación. Hai fervenzas espectaculares que destacan non só pola altura senón pola ubicación: a natureza personificada. É o caso da fermosa Fervenza de Fondós. Un recuncho idílico é o pobo de Belesar, casas de planta baixa bañadas polo río, cunha rexa ponte de acceso. Os pescadores vixían as súas barcas e se o tempo o permite tentan a sorte. Trátase do lugar máis pintoresco da zona. Para os amantes das vistas impresionantes e da tecnoloxía temos o Encoro de Belesar onde o Río Miño dorme repousadamente.
É, por último, obrigatorio percorrer a dureza e fermosura da RIBEIRA SACRA LUCENSE, avistar os sucalcos ateigados de cepas e desgustar os seus exquisitos viños.
foto
Fervenza de Auga Caída
PATRIMONIO ARTÍSTICO
 
foto
Igrexa de San Vicente de Agrade
O municipio de Chantada está inzado de importantes monumentos histórico-artísticos, vestixios pre-históricos como as tumbas antropomorfas de Fornas ou os numerosos restos castrexos dentro dos que se poden destacar os Castros de San Sebastián, Quintela, o Castro de Vilaseco, o de Líncora (onde se encontran tamén restos de sepulturas antropoides), o Castro de Pumar, o de Paderne, os Castros de Nogueira, Airoá, Pacio, Vilauxe, Cabreiros, Fornas , a Pedra da Escrita (en A Sariña) e o Castro Candad, este último mergullado polo embalse de Belesar e só visible cando o nivel deste o permite.

Chantada ten así mesmo abundantes pazos e antigas casonas entre as que podemos destacar a de Basán Grande do século XVIII e a Casa de Lemos, hoxe convertida en Casa da Cultura; tamén son destacables as ruínas da torre-casa señorial de Vilar de Eiriz en San Xián de Mato, o pazo de estilo barroco de Miraelfe, o de Pena Chá en Nogueira do s. XVIII, o de Perrelos do s. XVII,etc.
Dentro da arquitectura militar atopámonos coa Torre de Arcos parte dun antigo castelo derrubado na Revolta dos Irmandiños no século XV.
 
Pero a súa verdadeira riqueza artística atopámola nas abundantes igrexas románicas que posúe o concello entre as que destacan a de Sta. Baia de Adá, S. Vicente de Agrade, Sta. Mª de Arcos, San Vicente de Argozón (reformada no s. XVIII), San Fiz de Asma, S. Salvador de Asma con restos das dependencias monasteriais de estilo románico, Sta. Mª de Bermún cunha ben conservada porta principal románica, S. Salvador de Brigos que conserva a inscrición da súa consagración en 1228, Sta. Mª de Camporramiro, a súa igrexa erguese no lugar da famosa batalla do mesmo nome, San Cristovo de Fornas que ademais conserva restos de pinturas murais na ábsida, datadas nos séculos XVI-XVII, San Miguel do Monte do século XII e con pinturas do século XV, así como laudas sepulcrais no adro que parecen provir de sepulturas prerrománicas, Sta. Mª de Nogueira románica pero coa fachada barroca.

A Igrexa de Sta. Mª de Pesqueiras, está declarada Monumento Histórico Nacional dende 1950, é monasterial e de interese único. A súa construcción abrangue a segunda metade do século XII e os comezos do XIII, consta dunha nave rectangular con ábsida semicircular e é o que se conserva do antigo monasterio de monxas benedictinas, no interior, varias pinturas murais do século XVI percorren a cabeceira con imaxes da Anunciación, Resurrección e o Xuízo Final, posuía tamén unha pía de auga bendita, na actualidade desaparecida. A porta lateral está coroada por un tímpano con arquivoltas e capiteis ornamentados. Da casa monasterial que poboaron as monxas benedictinas hoxe xa só quedan restos.
No lugar de Soilán hai unha pequena capela actualmente restaurada que ardeu hai poucos anos, destruíndo un retablo neoclásico do XVII e a imaxe románica da Virxe co neno datada nos primeiros anos do século XIII que orixinalmente se atopaba na igrexa de Sta. Mª de Pesqueiras.

foto

Tímpano con arquivoltas na porta sur da Igrexa de Sta. Mª de Pesqueiras

 

foto

Ermida da Nosa Señora do Faro

Outras construccións relixiosas que destacan son:
· Santiago de Requeixo, coa ábsida e parte dos muros da nave. Tamén é de estilo románico, as pinturas murais do presbiterio son posteriores.
· Sta. Cruz de Viana, igrexa románica de orixe pero reformada no s. XVIII.
Outros templos de interés son a Ermida da Nosa Señora do Faro do século XVII onde se realiza a famosa romaría.
No apartado da arquitectura popular destacan los pombais como os do pazo de Suatorre, o de Beba, o de Pedrafita, os de Sabadelle, o de Gordón... ou os Petos de Ánimas como o de Centulle ou o de Mato.
foto
Peto de Ánimas de Centulle
 
 
   2009 Casa das Xacias. Deseñado por Xabier Martínez